Ninguén falará de nós cando morrésemos...

A Sanidade Pública Galega está a agonizar, camiña en metástase ética, estrangulada por unha Sanidade Privada en crecemento continuo, co aval do Partido Popular, da Xunta de Galicia, co Presidente Feijóo, como máximo responsable

En Galicia a esperanza media de vida descendeu por primeira vez en máis dun século. O risco increméntase tras a posta en marcha dunha Lei, na que ser paciente é secundario, primando baremos de rendibilidade, entre parámetros de privatización. A Lei de Saúde de Galicia, abandona na sala de espera aos pacientes. Ignora aspectos básicos asistenciais. Non prioriza a prevención da enfermidade, a rehabilitación e reinserción do paciente. Promove criterios de rendibilidade e, sobre todo, entrega en mans privadas á Sanidade Galega, co beneficio empresarial como factor estratéxico.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo foi e segue sendo o prototipo do modelo de xestión Público/Privada. Baixo financiamento público multiplicáronse os custos a máis de 1750 millóns de Euros, dos 450 previstos inicialmente. Reducíronse o número de camas, urxencias en recorte, menos espazo para quirófanos e Radioloxía saíndo pola porta da rúa. Un aspecto estaba claro e quedaba a salvo: a explotación do único aparcadoiro estaba perfectamente privatizada e familiarizada. Vergoñosos recordos de miles de pingueiras acusando á administración de abandono e deixamento.

En Galicia a Sanidade está suxeita á Explotación bolsista, en forma de rendibilidade privada. A xestión pública da Sanidade Galega foi arrinconada.

 UNILABS, xestiona agora o Laboratorio Central de Galicia. Indra xestiona os historiais clínicos. Netaccede encárgase da Plataforma Electrónica e o teléfono de cita Previa. As Telecomunicacións do SERGAS foron desviadas a Telefónica. Do mantemento de equipos sanitarios encárgase Ibérica de Mantemento SA... As contratacións do SERGAS desviáronse a Plataforma Electrónica Vortal Connecting Bussines, participada por Microsoft, Indra e Telefónica e así ata o delirio privatizador dun Goberno, que non cre na Sanidade como Servizo Público e traslada ao sector privado a xestión sanitaria dos galegos, ao tanto por cento.

 A Sanidade Pública Galega está a agonizar, camiña en metástase ética, estrangulada por unha Sanidade Privada en crecemento continuo, co aval do Partido Popular, da Xunta de Galicia, co Presidente Feijóo, como máximo responsable.

O sector privado incrementouse máis dun 16% no últimos catro anos.

Os responsables de URXENCIAS dos hospitais galegos han esixido frear os colapsos que se están producindo.

sanidad galicia

Manifestación contra a reforma sanitaria que impulsa la Xunta, o pasado 4 de febreiro de 2018

Miles de persoas secundaron, o pasado febreiro, a convocatoria da plataforma SOS pola Sanidade Pública. Emprazaron a Feijóo para que paralice a Lei de Saúde, manteña unha negociación co sector público e free a escalada de privatizacións.

Batas Brancas pon de manifesto a utilización da Xunta, con nomeamentos caprichosos, ao modo “dedo punible”, para poñer á fronte dos hospitais galegos, mesmo xerencias e xefaturas de servizo, a personaxes afíns e próximos ás políticas de recortes aplicadas pola Xunta.

Sexamos claros, toda sociedade vese sometida á capacidade de soportar a personaxes infames, propios de culebróns, ao estilo Fariña e os seus derivados. En calquera sociedade democrática, un responsable político, tras ser descuberto en compañía do “Dourado de quenda”, debería, tras limparse a crema das costas, presentar a súa dimisión e abandonar a vida pública. O da muller do César, en política, é de obrigado cumprimento.

Se os galegos deciden manter o seu apoio, son corresponsables, por encubrimento, deixamento e, con probabilidade, por admiración indisimulada cara a personaxes incompatibles coa ética política. Así somos, así parecemos… Somos actores da servidume ancestral dun paisanismo servil aos seus caciques.

feijoo

Feijóo e o Sovaldi Denegado

¿Lembran o caso SOVALDI?¿ Lembran as mortes de pacientes, por inacción dos responsables da Consellería, seguindo instrucións do seu xefe, o Presidente Feijóo? Pasaron os anos, os mortos gozan de bo enterro e os responsables gozan da INACCIÓN INDIGNANTE da Xudicatura, que está enmerdando os cartapacios, para distraer responsabilidades, ao máximo nivel. Con estas vimbias, é máis probable que un servidor, quen lles escribe, sexa vítima da Lei Mordaza, a que os responsables daqueles “homicidios imprudentes” sexan xulgados e condenados, no seu caso. Aquel SOVALDI DENEGADO de hai anos, é o botón de mostra da “ indisolubilidad de poderes” que amparan comportamentos delituosos, con resultado de morte.

Algunhas mentes privilexiadas fálannos de Alberto Feijóo como o “Elefante Branco”, que acudirá a Madrid en axuda do seu Partido, partido en mil corruptos pedais. Este “Elefante gris, con tendencia ao negro” xa camiñou por unha cacharreira, en forma de Galicia, e esnaquizou a un país, o noso país, someténdoo á vontade dos poderes establecidos.

Di a lenda que todo é susceptible de empeorar, cando un pobo vive sometido entre caciques e paralizado polo factor “estate calado”. Un País, unha Nación que vive entre a angustia do medo aos seus dirixentes e a inacción ante os poderosos, está condenado ao ostracismo. Seremos merecedores dunha inscrición, en mármore branco, que nos fale de: “Ninguén falará de nós cando morrésemos