viernes. 19.04.2024

Parálise Permanente

galicia

Somos a comunidade con peor saldo vexetativo en todo o Estado. En Galicia morreron 31.681 persoas, fronte a 19.269 novos  galegos, o que nos leva a un saldo negativo de 12.269 en 2015. Por primeira vez desde 1941 as mortes superan aos nacementos. Un dato significativo son as cifras da cornixa Noroeste do Estado español -Galicia, León e Asturias- que lideran as defuncións, á vez que lideran, á baixa, a taxa de natalidade. A esperanza de vida, 82,7 anos, vese reducida por primeira vez desde o 2005. Son os fríos, nunca mellor expresado, datos do INE referidos ao ano 2015. Non podía ser doutra maneira, Galicia volve asumir o liderado.

As estatísticas son imprescindibles para poder realizar un diagnóstico acertado. Sigamos analizando datos, para poder realizar unha diagnose final, referida ao noso querido país, con síntomas preocupantes aos que debemos dar nome.

Enfrontámonos desde hai décadas a un claro declive demográfico, acentuado pola última crise económica e social, cun saldo regresivo e un envellecemento gradual da poboación, máis acusado no medio rural. Este compoñente viuse incrementado por unha forte emigración da poboación máis nova, que lembra aos ciclos migratorios de finais do século XIX e despois da Guerra Civil. Lugo e Ourense lideran as baixas cifras de natalidade a nivel europeo. A evolución pódese apreciar nas proxeccións demográficas realizadas no ano 2013 polo IDEGA -Instituto de Desenvolvemento Económico de Galicia- da Universidade de Santiago de Compostela, onde se poñen de manifesto, mediante modelos matemáticos e variables demográficas, que Galicia vai continuar perdendo poboación ata o ano 2025.

Existen dúas Galicias. Por unha banda, a estreita franxa Ferrol-Tui (o Eixo Atlántico), un pequeno espazo que abarca a unha cuarta parte da superficie de Galicia, pero concentra o 80% do PIB e da poboación. O resto do territorio padece fortes descensos demográficos, fóra dalgunhas vilas con dinámicas económicas propias, ademais das dúas capitais orientais. O 74% dos municipios galegos perderon poboación.

Estes son os escalofriantes datos que deberían servir para confirmar que Galicia sofre senilidade galopante e urxe un proceso de diálise que achegue sangue novo nas súas arterias. Son necesarias medidas correctoras que modifiquen o seu tecido e sobre todo, o seu sistema nervioso central, actualmente, en Parálise Permanente… para que así, o noso país recupere as constantes vitais e poida invertir a tendencia ao que parece abocado. A curva demográfica continuará debido a un nulo dinamismo institucional, cun estrabismo pronunciado, por non ver máis aló do seu nariz, ao ser incapaces de contrarrestar realidades sociais que durante estes anos non fixeron máis que acrecentar os danos. A reactivación do medio rural non existe e a competitividade agropecuaria desmantélase desde os despachos de Santiago, seguindo as ordes de  Bruxelas, mais pendente do carto que do gando.

Parálise Permanente