martes. 16.04.2024

¡Devolucionarios do mundo, unios…!

A Devolución pasou a ser a cartilla de racionamento e o movemento libertario quedou illado, convertido en: Patria ou morte. Máis de 60 anos transcorreron desde os tempos do cuartel Moncada e Cuba segue esperando que lle devolvan a dignidade, en forma de: Terra e vida.


Os vellos non deben namorarse

A memoria de Fidel Castro, en forma de cinzas, percorre a xeografía cubana, rendendo honras a un personaxe irrepetible que loitou contra a franquía yankee, con Batista como ditador necesario. Desde aquelas afastadas Maestras con formas de Sierra, chegou para liberar a Cuba do prostíbulo no que convertera o tío Sam á xoia das Antillas. Desde a metade do século pasado poderíase considerar ao Comandante Fidel, como o gran Devolucionario, un dos referentes do século XX. Devolveulle o orgullo a un país humillado, liberou aos cidadáns da opresión, con cadeas de servidume entre Imperios. A transición dos cubanos pasou do xugo e as frechas españolistas, ao dólar e a degradación do seu veciño americano. Martí  marcou o camiño da liberación, Castro abriuse paso entre a maleza.

Chegados os tempos de dar trigo no país da cana de azucre, o Camarada Fidel fíxose Revolucionario, á vez que abrazaba un comunismo sobrevido. A Devolución pasou a ser a cartilla de racionamento e o movemento libertario quedou illado, convertido en: Patria ou morte. Máis de 60 anos transcorreron desde os tempos do cuartel Moncada e Cuba segue esperando que lle devolvan a dignidade, en forma de: Terra e vida. É innegable o alcance logrado por aqueles milicianos, de barba en rostro e suxeitos a un habano. Cuba foi un referente mundial en solidariedade, percorreron un camiño que deixou pegada no pobo iberoamericano.

A realidade mostra imperfeccións que os matices non deixan ver. Tras décadas dun Réxime que naceu como “camiño”, acabou sendo “destino”, con parada en ningures. As liberdades diluíronse entre eternos discursos que só beneficiaban a aduladores en evolución cara á endogamia.

Vénme á memoria aquela peza dramática inesquecible do mestre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao: Os vellos non deben namorarse, escrito en New York para “matar o tempo dunha nostalxia” que quedara fondeada no seu Rianxo querido. Don Saturio, Don Ramón e o Señor Fuco, o vinculeiro. Memorias e andanzas de vellos que galantean coa morte, mentres se namoran de Pimpinelas. Ben está que os vellos sorrían de vida, ben está que sorteen á Parca, que reclamen esperanza máis aló da morte, cando a iso se lle chama inmortalidade, que non é máis ca a máis prolífica e prolongada das vidas. 

Os vellos deben ensinar aos que están por chegar as experiencias vividas,  para repetir, ou non, a Historia. Non pretendamos que marquen o destino das novas xeracións, ou serán atropelados pola forza do vento de cola e convertidos en estatuas de sal. Nunca un tempo pasado foi mellor, non nos creamos posuidores da maxia da vida. Aqueles que avanzamos por diante dos mozos, debemos acumular sabedoría para mostrala e xenerosidade para quen nos precede. Nestes tempos de ira, esiximos que nos restituan a esperanza. Roubáronnos o sorriso, a solidariedade entre semellantes. Son cicateiros cos pobres e xenerosos coa opulencia. Converten o planeta nunha esfera insustentable, corrompen á infancia. Os poderosos crénse inmortais. Vai sendo tempo, xa é hora de que miremos de fronte e a unha soa voz gritemos: DEVOLUCIONARIOS DO MUNDO, UNÍOS...!

¡Devolucionarios do mundo, unios…!