sábado. 20.04.2024

Música, versos de Rosalía, fogos, pero sobre todo, moita xente e sentimentos. Eses foron os ingredientes centrais da festa que se viviu onte nunha praza do Obradoiro na que xa horas antes do espectáculo non entraba nin un alfinete e na que as proxeccións de diferentes emocións sobre a fachada da Catedral conseguiron deixar impresionados a todos os presentes.

Cerca de 20.000 persoas inundaban a praza do Obradoiro cando, as 23.36 horas, con seis minutos de retraso e algúns asubíos, comezou o o estrondo case ensordecedor dos fogos e da pólvora. O Colexio de San Xerome deu o pistoletazo de saída cun globo que representaba o planeta Terra. Co ruido dos fogos sempre presentes nos oidos, os sentimentos fixeron entrada coa nostalxia polas épocas pasadas do home, que sobre a Catedral –e con versos de Rosalía de Castro de fondo– plasmouse recordando as grandes obras pictóricas de todos os tempos. Do violeta do pasado, ao amarelo dos ciumes e ao verde da esperanza, que con versos de Lorca pretendía inspirar un futuro dun mundo mellor. Un erro técnico fixo que se apagara a música antes de que o laranxa dera paso á felicidade, nun momento no que houbo certa descoordinación entre os fogos a as proxeccións da fachada. Unha Catedral recuberta de flores que soaba a Álvaro Cunqueiro invitou á felicidade, xusto antes do momento da fe, sentimento que non podía faltar ao falar dos fogos do Apóstolo.

E foi entón, cando pasadas ás doce da noite chegouse ao oitavo e definitivo paso: o do renacemento, plasmado na ave Fénix que renace das súas cinzas e polo lume, que queimaba a fachada de cartón pedra que até ese momento cubría a fachada da Catedral.

Con esta imaxe e pasados uns 45 minutos desde o inicio da festa, a queima da imaxe da Catedral e o ceo cheo de luces, o espectáculo finalizou. Deixaron de soar os fogos e a xente comezou a marchar da praza, que terá que esperar 365 días para volver vivir outra noite máxica.

Sentimentos para unha noite máxica