sábado. 20.04.2024

O ex vicepresidente da Xunta e actual vicesecretario do Parlamento, Anxo Quintana, accedeu onte á tribuna do Parlamento, por primeira vez na lexislatura, coa presenza de Galicia na Unión Europea como argumento fundamental.

No seu actual labor como voceiro parlamentario do BNG en materia de Relacións Institucionais, Quintana interpelou ao conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, en torno ao que vén sendo unha das áreas fundamentais do traballo do nacionalista na Cámara nos últimos meses: a necesidade de que o Goberno galego defina “obxectivos claros” de cara á presidencia española da Unión Europea, no primeiro semestre de 2010.

A xuízo de Quintana, a Xunta non debe limitarse a pór sobre a mesa do Goberno central “unha lista de peticións” dos seus obxectivos, xa que, explica, “mesmo teño oído que o secretario de Estado para a Unión Europea”, Diego López Garrido, “ten recibido as propostas da Sociedade Colombófila de España a respecto das necesidades da presidencia” e a Xunta, ironiza o nacionalista, “con todo o respecto, non está á mesma altura e ten outras canles”.

Así as cousas, Anxo Quintana considera “urxente” a convocatoria da Comisión Bilateral Galicia-Estado, na que o Executivo poña sobre a mesa “unha folla de ruta” para conseguir os “obxectivos concretos” aproveitando a presidencia do Consello Europeo, tales como o “levantamento do veto para construción de buques en Astano” ou a “representación directa de Galiza nas institucións da Unión, para defender os seus intereses”.

O deputado do BNG ten claro que, nesa comisión, Rueda debe reclamar “máis cá celebración dun cumio de ministros en Santiago”, ao que o titular de Presidencia respondeu que a Xunta xa lle transmitiu “hai meses” a López Garrido as súas peticións, orientadas, entre outras cuestións, á recuperación da construción naval en Fene.

Quintana insta a Xunta a esixir á UE “máis que cumios” en 2010