lunes. 02.10.2023

O pasado mes de marzo o PSOE abriu un expediente contra Alejandro Rodríguez, alcalde de Vimianzo, por unhas declaracións feitas no marco da campaña electoral nas que supostamente pedía o voto para o PP. O rexedor está pendente de recibir estes días unha notificación do partido que determina a súa expulsión do partido. No día de onte, Rodríguez aseguraba que “aínda” non lle tiña chegado nada. “E iso que suponse que enviaron a carta desde Madrid o venres, non sei cando chegará”, di o mandatario, que asegura que “recorrerá” o ditame de expulsión.

“Parece que non están moi contentos porque non quixen pactar co Bloque, pero non entendo por que me teñen que expulsar. Se queren poden darme unha embaixada en París”, ironiza o socialista quen apunta que “Paco Vázquez nunca quixo pactar co Bloque e en vez de botalo déronlle a embaixada do Vaticano. Ademais en Lugo o alcalde Orozco non chegou a pacto e tampouco pasou nada”.

Rodríguez nega as acusacións que apuntan a que pediu o voto para o PP durante a campaña electoral. “Iso é totalmente falso, eu non pedín o voto para o PP, o que si é certo é que eu prefiro que de votar se vote ao Partido Popular e non ao BNG. Non teño a culpa de non ser nacionalista”, di o dirixente de Vimianzo, quen tacha de “mentira” as aseveracións do Bloque local e de varios veciños que din que chegou a tirar bombas de palenque a noite do 1 de marzo tras a vitoria do PP.

A dirección do PSOE entende que hai varias razóns polas que Alejandro Rodríguez debería abandonar as filas do Partido Socialista, non só por supostamente pedir o voto para o PP senón tamén por achegarse a este grupo municipal no seu Goberno e por ter realizado declaracións en contra do ex presidente Emilio Pérez Touriño. “Eu nunca dixen nada en contra del. Como o vou dicir se foi o primeiro que fixo o correcto: perdeu e marchou de forma moi honrada”, asegura Rodríguez, quen apunta que “hai outras persoas do PSOE” coas que non mantén tan boas relacións. “Home, con Marisol Soneira ou con Ricardo Varela... pois tampouco é que me gusten moito”, manifestou para Xornal de Galicia o dirixente vimiancés.

“Eu o que quero deixar claro é que levo 33 anos dedicándome ao concello e ao PSOE, e se me botan, os militantes de Vimianzo van seguir queréndome a min”, conta este home que leva 21 anos no sillón da alcaldía deste municipio coruñés.

Desde que se lle abriu o expediente disciplinario, Rodríguez estivo suspendido de militancia, de feito, tivo que deixar de estar a cargo da Secretaría xeral do seu partido no municipio.

Ao longo da lexislatura, mentres PSOE e Bloque local eran incapaces de chegar a un acordo de Goberno, Alejandro Rodríguez mantiña unhas boas relacións co grupo popular, de feito, o PP deulle ao grupo socialista o seu apoio en moitas das votacións importantes do pleno do concello. Por outro lado, Rodríguez, que comezou a lexislatura con seis edís, non conta máis que con catro nestes momentos.

“Que me dean unha embaixada como a Paco”