#TEMP
domingo. 26.06.2022
ENTREVISTA

“O pacto do AVE é un éxito para a Xunta: Pepe Blanco pon os cartos e Feijóo vixila”

O alcalde da capital galega, seguro de que o Xacobeo “sairá ben” malia a estar “un pouco verde aínda”

Hai máis de vinte anos que Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) vive o 25 de xullo dende o Pazo de Raxoi, o edificio da Praza do Obradoiro que o Concello de Santiago comparte coa Presidencia da Xunta. Dende alí, o rexedor da capital galega agarda que a “multitude diversa” que hoxe anegará Compostela “saiba convivir pacificamente”. Este 25 de xullo vai servir como ensaio xeral do Xacobeo 2010, un evento que, para Bugallo, “aínda está un pouco verde” pero que “seguro, sairá ben”.

A poucos meses do 2010, semella que a organización do Xacobeo aínda está un chisco ‘patas arriba’...

Está un pouco verde nalgunhas cousas, pero o Xacobeo sae ben, porque todo o mundo vai aunar esforzos para que saia ben, aínda que a seis meses vexamos moitos temas sen pechar. O único tema que corre un pouco de présa é a programación, pero hai que dar por bo o compromiso da Xunta actual, que é telo pechado en outubro.

Ten algunha preferencia sobre os artistas que lle gustaría ver en Santiago?

A min o que me gusta é a música clásica, e aí a faceta que menos cumprimos en Santiago é a das óperas de Wagner.

Un bo emprazamento para ese espectáculo sería a Cidade da Cultura?

Se está ben tocado, interpretado e cantado, se fose na Cidade da cultura, sería un soño (risas), porque un empeza a pensar xa se o verei ou será como as obras da Catedral, que duraron case cen anos. Todos os que empezaron a obra, non chegaron a vela nin mediada , agardo que no século XXI sexa distinto. Eu considérome novo, pero gustaríame que o señor Pérez Varela, Fraga e eu, que estivemos na primeira pedra, poidamos asistir á colocación da última. E cómpre poñerlle unha data xa.

Á marxe desas obras, estará a cidade preparada para a ocasión, aínda que non estean rematadas infraestruturas coma o terceiro carril da AP-9?

Iso é unha historia de toda a vida. Sempre que houbo Ano Santo, proxectáronse infraestruturas e nunca se inauguraron. A terminal aeroportuaria inaugurouse no 94, o Pazo de Congresos no 95, o periférico no 96... e proxectáranse para o 93, que foi o máis planificado.

Un deses investimentos é o aeroporto. Como valora que, nestes días, estea de novo sobre a mesa o debate da coordenación das tres terminais galegas?

Hai decisións que, unha vez tomadas, tarde piaches. Non ten sentido poñerse a cuestionar o modelo, pero hai unha situación na que temos tres aeroportos para menos de tres millóns de habitantes. Portugal ten os mesmos, pero para once millóns. A Xunta debe actuar cun criterio claro, senón o que conseguiremos será ter tres aeroportos de segunda división e o único de verdade será o Sá Carneiro de Porto. O único que ten unhas instalacións en condicións de competir, sen desmerecer a Alvedro e Peinador, é Lavacolla, porque a pista é máis longa. Non me parece correcto ver como repartimos a miseria. Temos que competir, ofrecer unha oferta de calidade e un produto diversificado, sen o monocultivo do destino a Madrid. O máis importante é que Sá Carneiro non se convirta no aeroporto internacional de Galicia.

Sobre as infraestruturas, nestes días fálase moito das áreas metropolitanas de Vigo e da Coruña, pero non da de Santiago...

O actual mapa de Galicia está absolutamente superado, é arcaico e inviable. Na provincia de Ourense, por exemplo, hai 58 concellos de menos de 2.000 habitantes. Aquí non hai ninguén que estude a idade media que teñen eses concellos e faga unha proxección dos nacementos e defuncións de cada ano e que diga onde vai isto? Dito isto, hai que ter en conta que o que dá lexitimidade son as eleccións. Podémonos organizar en mancomunidades, pero no momento en que decidamos crear un ente comarcal con competencias propias, en democracia só hai o camiño da elección directa dos cidadáns.

En todo caso, semella que as infraestruturas están máis claras logo da visita do ministro de Fomento a Galicia...

Neste momento, eses temas están correctamente dirixidos. O compromiso asinado por Blanco paréceme enormemente xeneroso dende o Goberno cara a Galicia. No convenio que se asinou, unha parte (Fomento) di: “poño mil trescentos millóns” ou “neste prazo fago isto”. Mentres, a outra parte (Xunta) di: “eu vixiarei que o fagas, non poño nin un euro e comprométome, en abstracto, a facilitarche as cousas”.

Cre, polo tanto, que é un convenio cómodo para a Xunta?

O maior éxito político da Xunta é que non lle custa un euro e aínda por riba convértese en controlador. É un gran éxito para a Xunta, pero nace dun compromiso do Goberno e da vontade política de Pepe Blanco. Nos tempos que corren, comprometerse a investir 3.400 millóns o ano que vén, que será o dobre do que vai investir a Xunta en 2010, o 6% do PIB de Galicia, é unha cifra importante. Probablemente, esta inxección de cartos nos sitúe no 10% dos investimentos totais do Estado e nós somos o 6,3% da poboación española. Isto non sería doado se non estivese Pepe Blanco de ministro de Fomento.

O ministro de Fomento sería un bo presidente da Xunta?

Excelente, non teño a menor dúbida, outra cousa é que sempre lle oín dicir que non forma parte das súas expectativas. Hoxe é o mellor ministro de Fomento que pode ter España e para Galicia é fundamental, pero o futuro está por escribir.

José Blanco chegou ao Ministerio logo dun cambio político en Galicia, como leva a relación coa nova Xunta?

Nós sempre pretendemos unha relación privilexiada, asentada nunha absoluta lealdade institucional coas decisións exclusivas da comunidade autónoma.

E ao novo presidente, como o ve?

(Pausa longa) Eu véxoo ben, prudente nas súas actuacións, pero como moitos máis, quizais esperabamos un maior dinamismo en materia de decisións e actuacións nos primeiros noventa días. Todos esperabamos un plan especial fronte á crise, un conxunto de medidas coherentes e potentes para impulsar a saída da crise. Non sei se se vai presentar nos próximos días, pero recoñezo que esperaba que se producise con máis rapidez.

Hai quen asegura que o resultado colleu ao presidente, como ao bipartito, a contrapé...

Dá a impresión de que isto colleu a todos co paso cambiado. É posible. Cando están a piques de cumprirse cen días, en determinados temas, agardabamos unha batería de medidas máis ofensivas para facerlle fronte á situación.

A vostede, colleuno a contrapé?

Si e non. Eu empecei a pensar que isto podía pasar oito días antes do domingo 1 de marzo. Influíron as conversas co que hoxe é ministro de Fomento, que nos dicía que estabamos todos na lúa... pero tamén que empecei a ver algo terrible, a desafección dunha parte importante do electorado das formacións que compuñan o bipartito.

Vostede nunca tivo aspiracións políticas a nivel autonómico? Ao ser o alcalde da capital, terá sempre a Galicia na cabeza...

Eu asumo un principio básico, que o que é bo para Galicia, é bo para Santiago. Eu estou moi contento como alcalde e, dalgunha maneira, culmina calquera satisfacción persoal que eu puidese ter, aínda que a miña aspiración non sexa xubilarme na política municipal. Contemplo presentarme a un próximo mandato e non a máis, e despois gustaríame facer algunha outra cousa, como poder ser útil ao meu país nalgún outro posto. Eu teño a miña idea sobre quen ten que ser o candidato socialista á Xunta.

Un candidato que veña do eido local?

Pode ser, pode ser (ri), o que veremos é se hai partido para o 2013. Se o hai, nós debemos xogar co principal activo que teñamos, porque senón, a cidadanía non o entendería. Non entendería que dixeramos… fichei a Cristiano Ronaldo pero o teño sentado no banquiño non vaia ser que torza un pé e non poida facer anuncios de televisión. Se o ten, sáqueo ao campo. Iso é o que nos van pedir, e eu son partidario de facelo.

Para vostede, quen é o Cristiano Ronaldo da política?

Felipe González. A partir del, co listón aí arriba, é moi complicado aplicar outras varas de medir, era unha persoa cunha gran capacidade de crear ilusión, transmitir liderado. Penso que nos libros de historia se estudará a Felipe coma un auténtico fenómeno.

Que lle gustaría que dixesen eses libros do alcalde de Santiago?

Gustaríame que se vise en min unha persoa que formou parte dun proxecto de cidade que iniciamos hai vinte anos, que serviu para transformar unha cidade antiga e histórica nunha cidade competitiva. E eu creo que o vai poder dicir (ri).

Vostede, persoalmente, é católico? Faralle esa petición ao Apóstolo?

Deus axuda a quen se axuda a si mesmo. Son crente, considérome cristián e socioloxicamente católico, pero son dos que cre que é necesaria unha gran reforma e unha volta ás orixes, quizais nese sentido sería máis luterano.

“O pacto do AVE é un éxito para a Xunta: Pepe Blanco pon os cartos e Feijóo vixila”
Comentarios